Monday 29 de April de 2024

A karateka Cristy Tojo impartirá na Pobra un curso de autodefensa para mulleres


Por ocasión do Día Internacional da Muller, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal botou a andar unha completa axenda con accións para tódalas idades que chegará á súa fin no 23 de marzo, cun curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas. No acto de presentación estiveron presentes a asesora xurídica da muller, María Pérez, e a axente da igualdade, Carolina Rodríguez. O dito curso conta con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, segundo explicaron.

A sesión terá lugar no polideportivo municipal de Venecia, das 10.30 ás 13.30 horas, a cargo da medallista internacional na modalidade de parakarate, Cristy Tojo, quen leva 21 anos como docente de artes marciais en diferentes modalidades e 13 anos como facilitadora de autodefensa feminista.

Para favorece-la participación das mulleres interesadas, disponse dun obradoiro de conciliación de balde para as crianzas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, atendido por monitorado especializado.

As prazas son limitadas, polo cal se require a inscrición previa a través do Departamento da Igualdade, situado fronte á casa do concello, co teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 5 ou 6, ou no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal.